Ismaíl non regresou á aula, e aínda agardamos por el. Din que viaxou lonxe, ata a mesma Ruta da Seda. Pero aquí estamos nós, os seus amigos. E para que volva canto antes, empezamos a ler contos desas terras tan afastadas. Así entramos nun novo proxecto. Primeiro con Gulnara a guerreira, e agora coa princesa Leitzu…
Segundo unha historia moi antiga, foi a princesa chinesa Leitzu quen descubriu a seda. Mentres paseaba polo seu xardín, fixouse nun estraño verme que se estaba a atracar de follas de moreira. Durante varios días, observouno mentres fiaba unha dourada rede ao seu arredor, e imaxinou que era a alma dalgún antepasado.
Unha tarde, viuno encerrarse nela e creu que morrera, ata que a bolboreta reencarnada saíu do casulo. Xogando, desconcertada, caéuselle por erro no té de xasmín que bebía. Algo distraída, colleu a fibra abrandada e comezou a debandala, cada vez con máis asombro, nun longo filamento de relucente seda.
Co paso do tempo, ensinou a arte da fiadura da seda e a cría do misterioso verme. E á súa morte foi convertida en deusa e situada no fogar celestial de Escorpio, a constelación da Casa da Seda.